top of page

PEGADAS NA NÉBOA

Actividade guerrilleira en Valdeorras

CONTEXTO

Unha reportaxe de Alba Prada Núñez

 

 

Valdeorras, comarca situada ao nordés da provincia de Ourense e rodeada de montañas. Hai máis de setenta anos que esas montañas serviron como acubillo para moitas persoas que tiveron que marchar obrigadas das súas casas por ser declaradas inimigas do réxime franquista. A comarca converteuse en punto neurálxico da guerrilla do noroeste español, zona de conexión entre Asturias, León, Galicia e Portugal. Isto fixo que Valdeorras tamén fora, durante algúns anos, a sede da Federación de Guerrillas de León-Galicia, un organismo con capacidade democrática en tempos dunha ditadura férrea.

CONTEXTO

A Guerra Civil española finalizou o 1 de abril 1939. Sen embargo, aínda que de forma non oficial, a guerra seguiu articulada arredor da loita do novo estado franquista contra o movemento guerrilleiro. Unha das frontes máis relevantes formouse arredor da coñecida como “Ciudad da Selva”, un conxunto de campamentos da guerrilla situados nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras).

O que se coñece como “fuxidos” iníciase nada máis comezar o alzamento militar, a medida que ía ocupando as distintas zonas provinciais que nun principio tentaron permanecer fieis ao goberno republicano. Así, as primeiras persoas foron as que podían sufrir represión por causas políticas. Eran dirixentes e afiliados aos sindicatos labregos das aldeas, militantes dos partidos obreiros, e máis os alcaldes concelleiros da Fronte Popular, aínda que outras persoas decidiron cambiarse de bando. En Valdeorras, a xente comeza a botarse ao monte o 21 de xullo.

Valdeorras foi unha zona de confluencia na guerrilla do noroeste da Península Ibérica. Ademais, tamén sería o epicentro do territorio de intervención, ata o punto de abranguer as comarcas de Terra do Bolo e Terra de Trives (Ourense); A Cabrera e O Bierzo (León); e Quiroga, Lemos e O Courel (Lugo). Isto explícase en gran medida pola concentración de serras que forman os conxuntos de Trevinca, A Cabrera, e o Eixe.

Así, nesta guerra non oficial habería dúas frontes de combate principais. A primeira sería a guerra interna contra os restos do exército republicano e a sociedade civil, que traería unha enorme represión e afectaría a miles de persoas. Mentres que a segunda fronte, tamén continuación da propia Guerra Civil, sería a guerra contra a insurxencia guerrilleira antifranquista, mal coñecida como “maquis”.

As forzas represivas do Estado exerceron abusos contra a poboación valdeorresa, aínda que moitas das denuncias que se producían eran entre os mesmos veciños, por malas relacións e traicións. Estas denuncias e abusos en moitas ocasións acababan en cárcere, que no caso do Barco asentábase na que agora se denomina a "Casa do río Cigüeño", ou en "paseos".

Por outra banda, cabe destacar que as bases sociolóxicas do fascismo en Galicia (clero, funcionariado, burguesía e capas máis conservadoras do proletariado rural) desenvolverían un dispositivo de terror e exterminio.

Na sociedade campesiña galega, o cura era un dos seus contados elementos con acceso á cultura oficial, o que acentuaba o seu prestixio como representante do sacro. No seu papel desenvolvido na orquestración da maquinaria represora, a evidencia dos feitos demostra que as variantes estiveron determinadas pola personalidade de cada sacerdote.

Un dos aspectos máis importantes que fixeron que a guerrilla subsistira foi a rede de enlaces. Estes foron un elemento fundamental de aprovisionamento para as partidas guerrilleiras. Tiñan a súa orixe, normalmente, na vinculación familiar coa xente dos pobos de arredor. Tamén houbo outras redes non familiares, é dicir, simplemente colaboraban por afinidade política ou como un sentimento de rexeitamento á violencia e represión exercida polas forzas do Estado franquista.
Era tal o grao de organización que, agrupada a guerrilla armada, os homes do monte organizarían a outra guerrilla, esencial para o funcionamento da primeira, a denominada “guerrilla del llano”, que baixo o nome de SIR (Servizo de Información Republicana) daría cobertura a toda a rede de enlaces da zona. Así o explica Santiago Macías, investigador e escritor:                           
Porén, tamén cabe destacar que entre a poboación había un apoio condicionado á guerrilla, xa fora polo medo ás represalias por parte das forzas da orde pública ou ben polas dos resistentes antifranquistas.

Para entender o transcurso destes feitos cómpre dividilos en dúas etapas, con características moi marcadas debido aos cambios que estaban a suceder no país.
 

00:00 / 00:46
ETAPAS

ETAPAS DA ACTIVIDADE

O día 20 de xullo de 1936 foi o comezo de todo. Centos de persoas víronse na obriga de tentar escapar da violencia e a represión que tivo lugar contra o goberno republicano. Os primeiros en ser sinalados foron os alcaldes e representantes que gobernaran durante a República. Algúns dos exemplos foron, no Barco, o alcalde Abdón Blanco, fusilado, e o tenente de alcalde Manuel Blanco Pascual, o cal conseguiría fuxir pero acabaríano asasinando; ou en Vilamartín, cuxo alcalde, Augusto Sierra, tamén foi fusilado.

Abdón Blanco.jpg
Manuel Blanco Pascual.jpg
Augusto Sierra.jpg

Abdón Blanco.

Manuel Blanco Pascual. Foto: Félix García.

Augusto Sierra.

Blanco Pascual.jpg

Tumba de Manuel Blanco Pascual, soterrado fóra do cemiterio do Barco.

Estes primeiros fuxidos agochábanse en lugares próximos ás súas casas, coa axuda dos seus familiares e amigos. Sobreviven durante os primeiros meses grazas ás súas conexións coas poboacións locais, e a un perfecto coñecemento do terreo polo que se movían. Isto ocorre ata a caída da fronte de Asturias, a cal en outubro de 1937, modificou por primeira vez o panorama dos fuxidos.
Con ese final da guerra no norte español, novamente centos de persoas, que conseguiran chegar a Asturias, regresan aos lugares próximos aos seus domicilios. A maioría acabarán por entregarse ou serán detidos co paso dos meses, pero de entre eles destacará a “élite de sobreviventes”. Estes grupos van ter maior mobilidade e contactos. Ademais, as súas accións armadas comezan a ter lugar con máis asiduidade e variadas.
Con isto, a primeira fase de actividade guerrilleira en Valdeorras caracterízase pola presenza, principalmente, de fuxidos e de pequenos grupos articulados para a supervivencia e a  autodefensa. Unha das principais características desta etapa sería a extrema mobilidade, o pouco tempo que ocupaban os sitios e o reforzamento da ocultación na paisaxe.

Porén, esta “élite de sobreviventes” vai concentrarse nunha zona máis limitada, a fronteira entre as provincias de Ourense, Lugo e León, especialmente nas comarcas do Bierzo, A Cabrera e Valdeorras. En Valdeorras, concretamente nos montes de  Casaio (Carballeda de Valdeorras), vai ser onde os primeiros grupos de fuxidos e os grupos chegados despois de outubro de 1937 conflúan, coexistan e, finalmente, se unan. 
Así, neste período xorden os primeiros campamentos como tal. Practicamente todos eles se localizan na zona central dos montes de Casaio, en torno ao arroio San Xil, os vales de Morteiras e Bruña e os seus arredores, a excepción do Teixedal, que podería estar vinculado aos roteiros que conectaban con Portugal, segundo as investigacións de Sputnik Labrego.
Ademais, en 1940, unirase un gran continxente de antigos milicianos do exército republicano chegados de Asturias, quenes regresan dun intento falido de saír ao exilio a través de Portugal, aos grupos que se asentan nestas montañas de Galicia. Sen embargo, dese fracaso nacerá a primeira organización de resistencia armada contra a ditadura en todo o Estado español: a Federación de Guerrillas de León-Galicia.
Este movemento acada o maior grao de desenvolvemento na inmediata posguerra, durante os anos 40, ata o punto de obrigar ao aparello estatal franquista a empregar toda a súa maquinaria represiva para desactivala.
Por outra banda, a segunda etapa está vinculada ao pleno desenvolvemento da Federación de Guerrillas de León-Galicia, a partir de 1941-1942. É esta fase a que correspondería plenamente coa Ciudad de la Selva (Casaio, Carballeda de Valdeorras). 
Así, existen diferenzas claras entre a primeira e a segunda fase. Unha delas é que na primeira, a finais dos anos 30, o tipo de asentamentos escollidos caracterízanse pola extrema ocultación no terreo e o seu difícil acceso, vinculados ao seu uso como acubillos temporais. Neste senso, tratábase de crear “paisaxes ausentes” que facilitasen a camuflaxe e a supervivencia destes primeiros  fuxidos e das partidas guerrilleiras.
Mentres que na segunda, o control dos vales valdeorreses de Bruña e de Morteiras permitía aos guerrilleiros non só acceso aos principais pasos de gando, de paso fronteirizo cara Portugal ou ás ricas minas de wolframio que se desenvolvían na contorna (que utilizaban como recurso para financiarse), senón que tamén lles permitían un control case total do terreo.

Gerardo Núñez

"O Perdiguero"

 

Oval (Rubiá)

Da fronte en Asturias ao monte

Republicano de Oval (Rubiá), ao inicio da Guerra Civil alistouse nas filas en Asturias. Sen embargo, ao caer a fronte foi detido, pasando por campos de concentración ata que finalmente o levaron para o cárcere provincial de Ourense.

Conseguiu escapar e en 1939 volveu a Oval, pero o cura denunciouno. A Lexión presentouse alí, e tras varios disparos, conseguiu escapar ileso. Sen embargo, o 23 de outubro, os 19 lexionarios volverían ao pobo para facer unha batida e darían co paradoiro de tres irmáns de Gerardo, os cales tamén se botaran ao monte. Ramón, de 25 anos, Francisco, de 28, José, de 30, foron asasinados aquel mesmo día.

A Gerardo non conseguiron atopalo, e este sumaríase á expedición a Portugal de excombatentes na guerra, a cal tivo lugar o 27 de xullo de 1940. Desta forma, o día 5 de marzo de 1941 xa conseguiran pasar a Portugal,  e este atopábase en Porto cando foi detido xunto con Constantino Santos Morán e Rogelio Rodríguez López (un dos irmáns de Soulecín), pola Garda Fiscal.

Unha vez detidos foron entregados ás autoridades españolas e trasladados ao cárcere de Ourense, onde os fusilarían o 2 de outubro de 1941.

Jesús Arias Quiroga

"O Chucho"

Xagoaza (O Barco)

Máis de vinte anos agochado

Jesús Arias Quiroga, natural de Xagoaza (O Barco de Valdeorras) foi unha das primeiras persoas que se botou ao monte, xa que foi denunciado tralo golpe militar de 1936. Ás poucas semanas foi detido, pasando polo cárcere habilitado na Casa do Río Cigüeño do Barco e sometido a torturas. 


De seguido foi trasladado á Rúa, pero non tardarían nin un día en mandar que o fusilaran. Concretamente na zona da Pobra de Trives, na ponte Bibei, foi cando Chucho se decatou do que ían facer con el e tirouse do coche en marcha, caendo polo barranco cara o río. Os seus captores rastrearon a zona e viron manchas de sangue, polo que o deron por morto.


Porén, saiu con vida e chegou ata Monforte, onde o curaron e quedou durante dous meses. Cando se recuperou volveu a Xagoaza, onde se ocultou na súa casa durante dous anos sen levantar sospeitas.


Ante a sorpresa de todas as persoas que o daban por morto, descubrírono e tivo que voltar ao monte, esta vez pola zona de Oval, onde coñeceu a Felicitas Fernández Cadórniga, coa que iniciaría unha relación sentimental e tamén se botaría ao monte con el. Neste tempo quedou embarazada e como o seu avanzado estado non lle permitía continuar, entregouse e tivo á súa filla Lola no cárcere provincial de Ourense.


Cando rematou a condena, volveu a Oval e dende ese mesmo momento Chucho ocultaríase na súa casa, onde pasaría unha década ata o día da súa morte, o 22 de agosto de 1952. Un gran número de gardas civís rodeou o pobo e a casa de Felicitas, e Chucho xa non sairía desa casa. Así relata a súa morte Josefina Núñez, veciña de Oval e sobriña do "Perdiguero", a cal presenciou os feitos:

00:00 / 01:38
casa chucho.jpg

Restos da casa onde se agochou e mataron a Chucho.

PAPEL DA MULLER

O papel das mulleres consistiu, de forma xeral, en actuar como enlaces, xa que foron poucas as que se incorporaron aos destacamentos, entre outras razóns porque tamén por aquel tempo, na guerrilla e na esquerda en xeral, practicábase a discriminación de xénero e había reticencias para que as mulleres subiran ao monte. A xulgar polas declaracións, por exemplo, de Marcelino Fernández Villanueva “Gafas”: mentres ocupou a Xefatura do Estado Maior da Federación de Guerrillas León-Galicia, prohibiu ter compañeiras no monte.

Porén, algunhas tiveron que pasar á clandestinidade, xa fora botándose ao monte, cambiando de identidade, exiliándose ou mesmo marchar a un convento. Aínda así, tamén está documentado a actuación de moitas mulleres en movementos sociais, clandestinos, ou organizados fóra do país.
Se a represión neste período foi desmedida, contra as mulleres foi incluso peor. Como actuaban agochando a persoas nas súas casas e de enlaces, asasináronas, violáronas e torturáronas de formas moi crueis. Ademais, en forma de humillación, moitas foron rapadas.

A situación nos cárceres, aparte dos abusos, hai que sumarlle que moitas estaban embarazadas. Tiveron que dar a luz, en condicións inhumanas, entre as frías paredes; mentres que outras foron separadas dos seus fillos e fillas, en moitos casos sen ter con quen deixalos ou ben deixándoos de casa en casa de familiares.

Aforcamento de Concepción e Remedios Rodríguez Cadórniga “as Xobas”, de Oval

Felicitas Rodríguez Cadórniga mantiña unha relación co guerrilleiro de Xagoaza, Jesús Arias Quiroga “Chucho”. Por traicións e malas relacións entre a súa familia e un veciño, o Chucho matouno e, como consecuencia, un irmán do veciño denunciouno. 
Acto seguido, a Lexión foi a Oval a capturalo, pero conseguiu escapar, matando a un dos lexionarios. Como o Chucho mantiña unha relación con Felicitas, en represalia aforcaron á súa nai, Concepción, e á súa irmá, Remedios. Foi o 23 de outubro de 1939.
Este asasinato foi especialmente cruel, xa que as aforcaron nun cereixón á entrada do pobo, diante de todo o mundo. A Milagros, filla de Remedios, obrigárona a presenciar o aforcamento.

00:00 / 00:24

Facer click para ver descrición

Ademais, despois leváronas nun carro para o cemiterio de Rubiá, onde estiveron todo o día. A nai, Concepción, tiña bocio, polo que a corda non conseguiu cortar todo o aire e aínda seguía viva. As fontes orais dan dúas versións: a primeira é que se deron conta de que estaba viva porque se lle levantou a saia, e a segunda é porque pediu auga. Despois diso matárona e enterráronas nun buraco sen caixa. Josefina Núñez Vega, veciña de Oval explica a versión que lle contaba a súa familia: 
Felicitas, despois diso, botouse ao monte co seu compañeiro Chucho, ata que se entregou á policía porque estaba embarazada. Levárona ao cárcere de Ourense, onde no 22 de maio de 1941 nacería a súa filla Lola. 

O asasinato e previas violacións de Carmen Jérez Rodríguez, de Fervenza

Carmen Jérez Rodríguez, natural de Fervenza (O Barco de Valdeorras) foi unha colaboradora e enlace da guerrilla, e tamén era compañeira de Abelardo Macías “o Liebre”, guerrilleiro nado en Carucedo (León), e compoñente da Federación de Guerrillas León-Galicia. Viña dunha familia de esquerdas, na que a súa nai estivo na cárcere por axudar aos fuxidos, e en 1944 foi o seu turno, despois dun combate que tivo lugar en Fervenza, e o cal acabou coa morte do delator Manuel Rodríguez Rodríguez.

Carmen Jérez joven.jpg
Carmen Jérez con amiga.jpg

Carmen Jérez de moza.

Foto: Santiago Macías.

Carmen (esquerda) cunha amiga. Foto: Aurora Marco.

A noite do 25 de xullo de 1946 sacárona enganada e forzada da súa casa, facéndose pasar por guerrilleiros e tentando que lles dixera o paradoiro do Liebre. Levárona ao cuartel da Rúa, onde estivo retida dous meses, e despois trasladárona a Ponferrada, sufrindo violacións en ambos lugares. En maio de 1947, o seu cadáver, en avanzado estado de xestación, apareceu nunha cuneta de Montearenas (Ponferrada), lugar onde foron executados e sepultados moitos republicanos. 

A súa fotografía foi exposta en varios escaparates de Ponferrada para a súa identificación, nun intento de que a xente crera que fora un asasinato a mans da guerrilla. Foi enterrada espida no exterior do cemiterio, ata que a súa familia se decatou do acontecido e a sacaron da fosa común. O investigador e escritor do libro “El monte o la muerte”, Santiago Macías, relata os últimos momentos de Carmen Jérez: 

00:00 / 00:45

Clarisa Rodríguez Rodríguez, enlace represaliada no Meiral (O Barco)

Clarisa Rodríguez Rodríguez (1900-1965) foi unha enlace da guerrilla do Meiral, na parroquia de Santa Mariña (O Barco de Valdeorras). A súa familia era de esquerdas, e aos 17 anos, despois de casar e ter unha filla, comezou a rexentar un muíño que quedaba un pouco alonxado do que era o pobo.

Xoanxose.jpg
Clarisa.jpg

O fillo de Clarisa, Xoan Xosé, sostendo a súa foto.

Clarisa Rodríguez.

Cando comezaron a andar polos montes da zona os primeiros guerrilleiros da Federación de León-Galicia, un dos lugares onde se agocharon foi o muíño de Clarisa, xa que era un lugar idóneo para escapar en caso de perigo. Aínda que segundo o seu fillo, Xoán Xosé Rodríguez, tamén os agochaba na casa.
Tanto é así, que un día saíu e tíñanlle a casa rodeada, pero por sorte ou por benevolencia dun dos axentes, non a mataron. Porén, Clarisa pasou polos cárceres de Ourense e de Celanova, onde coincidiu con moitas presas da zona, como a anteriormente mencionada, Carmen Jérez. Ademais, da segunda vez que estivo no cárcere naceu o seu fillo Xoán Xosé, concretamente o 12 de xuño de 1944.

Cando saiu, voltou ao Meiral e atopouse coa casa desvalixada, sen comida e sen a colleita que tiña. Nos anos seguintes seguiu vixiada, e as forzas represivas molestábana continuamente, preguntando por fuxidos e requisando comida e todo o que tiña. Finalmente, faleceu o 17 de xaneiro de 1965, aos 65 anos.

Chelo e Antonia Rodríguez López (Soulecín), símbolos da muller guerrilleira

A familia Rodríguez López, de Soulecín (O Barco de Valdeorras) foi un claro exemplo de todas as partes de resistencia que tiveron que exercer moitas familias durante estes anos. Eran sete irmáns, cinco homes e dúas mulleres.

Facer click para ver descrición

Un deles, Rogelio, pasouse tan cedo como puido ao bando republicano, e dérono por morto, pero un día apareceu en Soulecín e agochouse na casa. Sebastián, voltou a casa do servizo militar por unha baixa ao comezar a guerra, á que non regresará, xa que é republicano e non quere combater contra os das súas ideas. Por este motivo fórono buscar á súa casa, enfrontándose a tiros cos gardas, e os dous irmáns conseguiron escapar ao monte. 
En forma de vinganza, o 18 de outubro de 1939, o I Terzo da III Bandeira da Lexión asasina aos seus pais debaixo dunha árbore, metendo aos fillos máis pequenos nunha corte, e en presenza dos veciños. Este acto foi o desencadeante para que todos os fillos loitaran, tanto no chan coma no monte pola causa republicana.
As irmás, Chelo e Antonia, fixeron de enlace dende que os seus irmáns se botaran ao monte, en 1939. A súa casa de Soulecín era denominada polos guerrilleiros como “a fortaleza”, xa que durante moitos anos acolleron a compañeiros que estaban escapados.
En 1945 remataría a súa actividade como enlaces, e despois de pasar por diferentes cárceres como a do Barco, a de Ponferrada ou a de León, botaríanse ao monte, xa que a súa vida corría perigo. Foron directamente a Ricosende e despois aos vales de Morteiras e Bruña (Casaio, Carballeda de Valdeorras), lugares que forman parte da denominada Ciudad de la Selva. Viviron nos chozos, en condicións díficiles, pero Chelo confesáballe á escritora Aurora Marco que foi a época máis feliz da súa vida, xa que alí defendíase a súa causa e estaba co que consideraba o seu amor, Arcadio Ríos (xefe da II Agrupación da Federación de Guerrillas León-Galicia, pertencente a Ourense).
Permaneceron na Ciudad de la Selva ata o ataque da Garda Civil de 1946, cando se celebraba o Congreso de Reunificación. Neste ataque foi onde Arcadio Ríos perdeu a vida.

Arcadio Ríos2.jpg
Arcadio Ríos.jpg

Arcadio Ríos. Fotos: Aurora Marco e José Antonio Gurriarán.

Despois, Chelo marchou a Madrid e Antonia a Francia co seu compañeiro César Ríos. O 12 de abril de 1949, Chelo tamén conseguiu chegar a Francia, lugar onde as dúas residirían ata a súa morte (Antonia en 2012 e Chelo en 2019).
Todos os seus irmáns, agás Francisco (o maior) perderon a vida na loita. Rogelio foi fusilado no cárcere de Ourense en 1941 despois de collelo no Porto (Portugal), xunto con Constantino Santos Morán e Gerardo Núñez Rodríguez “o Perdiguero”, mencionado con anterioridade.
Sebastián morreu en 1942, despois de que o acadase un disparo accidental do seu compañeiro Bernardino García García nun combate en Borruga (Manzaneda). O irmán pequeno, Domingo, perdeu a vida en 1946 no seu lugar natal, Soulecín. Un veciño que colaboraba cos falanxistas lanzou dúas bombas de man mentres Domingo e outros compañeiros collían o camiño cara Correxais (Vilamartín de Valdeorras). Mentres que a última morte foi a de Alfonso en Ocero (León), durante unha emboscada en febreiro de 1949.

MULLER
FEDERACIÓN

Durante o outono e o inverno de 1941, levouse a cabo dunha forma experimental a organización de grupos de fuxidos dos territorios de León, Galicia e Asturias. Así, César Ríos e Marcelino de la Parra foron os que se encargaron de redactar un regulamento do que inicialmente se denominaría Federación de Guerrillas Populares. Esta organización tería unha evolución en ascenso até 1945.

Xa en 1942, concretamente o 24 de abril, nacerá de forma oficial a Federación de Guerrillas de León-Galicia, cun congreso fundacional celebrado en Ferradillo, no sur de Ponferrada. Neste congreso, os guerrilleiros decidiron que se levaría a cabo unha división por zonas de acción: Ourense, Lugo, O Bierzo e A Cabrera. A zona que abarcaba Valdeorras foi asignada, maioritariamente, a persoas orixinarias da zona. Así, un dos grupos estaba ao mando de Arturo López Delgado, natural de Correxais (Vilamartín de Valdeorras).

Mario Morán, Marcelino Villanueva “Gafas” e Marcelino de la Parra serían os máximos dirixentes da Federación. Ademais, os irmáns César e Arcadio Ríos, e Manuel Girón tamén dirixirían algunhas das agrupacións existentes. O escritor e investigador Santiago Macías nomea ás figuras máis importantes:                         

00:00 / 00:48

Facer click para ver descrición

Marcelino Fernández Villanueva.jpg

Marcelino Fernández Villanueva "Gafas".

Marcelino de la Parra.jpg

Marcelino de la Parra. Foto: ATMT IV.

César Ríos.jpg

César Ríos. Foto: FFLC.

Arcadio Ríos2.jpg

Arcadio Ríos.

Foto: Aurora Marco.

O escaso contacto dos guerrilleiros da Federación coas organizacións políticas no exterior facía que o antifascismo se impuxera como concepto básico. Neste contexto, ten lugar o segundo Congreso, celebrado en xuño de 1943. Nel decidiuse que o Comité Director pasara a chamarse Estado Maior e o Comité de Disciplina fora dende ese momento Tribunal de Guerrillas. A guerrilla tomaba un carácter militar no que a deserción ou a delación estaban castigadas coa pena de morte. Ademais, celebraríanse diversos congresos ao longo da súa existencia.

00:00 / 00:55

Un dos exemplos de guerrilleiros que non cumpriron as normas foi o de Antonio López Fernández “Corchas”, do Mazo (Vilamartín de Valdeorras), condenado a morte polo Estado Maior da Federación. O investigador Santiago Macías resume a súa historia:                       
O Corchas, como o Chucho de Xagoaza, foi denunciado e detido por simpatizante republicano en 1936. Sen embargo, cando o ían fusilar á altura de Carucedo (León) tirouse xunto con outros dous detidos por un desnivel mentres os seus captores disparaban. Só el puido saír con vida, e aínda que estaba gravemente ferido, conseguiu chegar ao seu pobo, pero decidiu botarse ao monte por medo a ser descuberto.
Xa en 1939, entregouse por mor dunha falsa amnistía para os homes do monte que non tiveran delitos de sangue. Pero ao decatarse, pouco antes de que os trasladaran a Ourense, conseguiu fugarse, botándose de novo ao monte, pero actuando de forma autónoma. As súas accións levárono a estar no punto de mira das forzas do Estado e tamén dos guerrilleiros da Federación.

O seu último acto foi o 26 de novembro de 1945 en Gestoso (Oencia). Un grupo de seis mozos e mozas voltaba de coidar ao gando cando se atoparon con el. Levou ás dúas mozas, deixándolle as armas aos mozos, pero de forma que dende a súa posición podía velos. Un deles, Pedro Fernández, o cal por aquela época tiña 17 anos, disparoulle no ventre pero non o matou. Corchas reaccionou disparando contra eles e un tiro acadou a unha das mozas, Celsa, que morreu días despois. Corchas morrería pasados uns minutos a causa da hemorraxia que lle producira o disparo.

O IV Congreso celebrase o 10 de outubro de 1944, onde serían reelixidos Morán, Gafas e de la Parra. A II Agrupación, a de Ourense, na que entraba Valdeorras pasa a ser dirixida por Mario Morán, con Florencio Pérez e Eduardo Pérez “Tameirón” como axudantes. Aínda así, esta agrupación estaría dividida en catro guerrillas, dirixidas por Roberto López “Pajarito”, Antolín Murias “Paciencia”, Domingo Rodríguez “Inca” e Arcadio Ríos.
Un dos altos mandos da Federación, César Ríos, nunha conversación posterior, en 1992, con Carlos G. Reigosa explicou que “o principal obxectivo dos regulamentos era a organización político-militar. A partires dese momento cada guerrilleiro estivo obrigado a presentar as súas contas, as contas dos seus gastos, aos xefes de unidades. Desta maneira, conseguimos un mellor uso do diñeiro, podendo así diminuír as nosas accións económicas e aumentar o traballo político-militar”.
O obxectivo desta organización era subsistir, xa que nun principio crían que o desenvolvemento da II Guerra Mundial traería ao bando aliado a conseguir a derrota do fascismo en España. Sen embargo, aínda que a Federación crece de maneira exponencial ata 1945, a fin da II Guerra Mundial e a presión policial provocarán o comezo do fin.
É así que en maio de 1945 Alemaña asina de maneira definitiva a súa capitulación ante as forzas aliadas. Menos dun mes máis tarde, a unha escala moito máis local, concretamente en Columbrianos (Ponferrada, León), serán asasinados tres guerrilleiros e dous enlaces pertencentes á Federación de Guerrillas. E é nese momento cando a rede de enlaces comeza a caer, con máis de 130 persoas detidas, procesadas a través da xustiza militar e condenadas a diferentes penas privativas de liberdade.
Este feito derivará en loitas internas de diferentes correntes da esquerda que formaran parte da Federación. Sen embargo, en xullo de 1946, intentan levar a cabo un congreso de reunificación na Ciudad de la Selva, pero a Garda Civil perpetra un ataque contra os grupos guerrilleiros descubrindo ademais unha parte do complexo armazón de chozos construídos nas devanditas montañas. É neste momento cando a Federación desaparece.
Despois da desaparición, os guerrilleiros vénse na obriga de volver a botarse ao monte, pero dunha forma máis dispersa. É practicamente o retorno ás orixes, a volver ser grupos de fuxidos sen armas que sobreviven grazas á súa pertenza a unha sociedade campesiña coa que conviven, da que se serven para subsistir durante algúns anos máis na contorna.
O Partido Comunista crea unha organización paralela na que había que asumir as tarefas de coordinación e dirección: o Exército Guerrilleiro de Galiza. Os guerrilleiros da provincia de Ourense e máis os da comarca leonesa do Bierzo formarán a súa Segunda Agrupación. Esta vai estar formada polos militantes comunistas e polos de tendencia socialista ou libertaria que optaron por non saír ao exilio e seguir loitando. De Valdeorras intégranse na nova organización varios militantes comunistas: Odilo Fernández Rodríguez “Blas”, Mario de Langullo, e Roberto López “O Pajarito”.

 

FEDERACIÓN DE GUERRILLAS

DE LEÓN-GALICIA

A Ciudad de la Selva (Casaio, Carballeda de Valdeorras) é un dos mellores exemplos para ilustrar a loita organizada na guerrilla antifranquista. É dicir, nestes montes reflíctese moi ben o aproveitamento da paisaxe por parte dos guerrilleiros para a instalación dos seus campamentos.
É un punto estratéxico, xa que se atopa na Serra do Eixe, e na fronteira entre Ourense, León, Zamora e Portugal, polo que a Ciudad de la Selva converteuse nunha zona de paso, que permitía unha gran mobilidade se se coñecían os montes.

morteiras1.jpg
morteiras3.jpg
morteiras8.jpg

Un dos altos mandos da Federación, Marcelino Fernández Villanueva “Gafas” describiu a Ciudad de la Selva como “montes cortados a pico coma se fose un acordeón, nos que a Garda Civil prefería non entrar… Eles, tranquilamente  nas  súas casas e nós tranquilamente no  noso campamento”. 
A combinación dos datos obtidos a través das escavacións arqueolóxicas levadas a cabo polo grupo de investigación Sputnik Labrego e da documentación escrita indican que a ocupación da Ciudad de la Selva tivo lugar entre 1941 e 1946. Cinco anos, nos que as guerrilleiras e os guerrilleiros viviron no monte, ameazados continuamente polo espectro da represión e da morte. 

Ciudad de la Selva.JPG

Regulamento da Federación de Guerrillas de León-Galicia asinado

na Ciudad de la Selva. Foto: Sputnik Labrego.

Tendo en conta o número de estruturas documentadas asociadas á Ciudad de la Selva e a potencial capacidade de cada unha delas (unhas 3-5 persoas), así como as estimacións en torno ao número de guerrilleiros que puido haber polos montes de Casaio a través da documentación escrita, estímase que puidesen vivir de forma continuada unhas 25-35 persoas aproximadamente. 
Sputnik Labrego recolle na súa memoria técnica da escavación a existencia de dezaoito xacementos ou campamentos relacionados coa actividade guerrilleira na zona e datados entre 1936/1937 e, aproximadamente, 1950. Sen dúbida, o máis emblemático é unha das construcións situada no val das Morteiras, distinguida debido a que ten unha fiestra pola que se pode ver o pobo de Casaio.

Cada un destes campamentos componse de unha a catro estruturas, a maioría delas correspondentes ao que se denomina localmente como “chozos”, estruturas en pedra de diversa funcionalidade. Todos eles responden a un tipo xeral: construcións relativamente sinxelas que responden a un obxectivo xeral de proporcionar acubillo aos grupos guerrilleiros.

00:00 / 00:48

Facer click para ver descrición

Os primeiros anos, a Ciudad de la Selva estivo habitada por fuxidos desta zona ata que cae a fronte norte de Asturias e León en outubro de 1937. Neste ano retornan os que foran loitar ás filas do exército. Estamos a falar de personaxes como Manuel Girón ou Marcelino de la Parra. 
Ademais, a estes grupos únense o grupo dos asturianos, que despois dunha viaxe truncada a Portugal, tamén acabarán na Ciudad de la Selva, convertíndose en altos mandos da Federación de Guerrillas León-Galicia. Entre eles están os mencionados con anterioridade, Mario Morán, Arcadio e César Ríos, e Marcelino Fernández Villanueva “Gafas”: 

Nunha das súas campañas, Sputnik Labrego atopou un cristal dunha gafa, e dado que neste contexto non moitas persoas podían levalas, podería ser de Marcelino Fernández Villanueva.

Aínda que a mobilidade dos grupos tivo que ser moi alta e tal e como se caracterizaría a calquera guerrilla, non hai dúbida de que tiveron que pasar moito tempo de espera nestes campamentos. Un dos pasatempos máis sinalados era a escritura, tanto que alí se editaron varios números dun xornal ao que chamaron “El Guerrillero”. A presenza dunha multicopista neste contexto antollábase extremadamente complexa, polo que a redacción do xornal tería que ser levada a cabo a través doutros mecanismos, como o de máquinas de escribir individuais. Ademais, moitas persoas aprenderon alí a ler e a escribir coma é o caso de Chelo Rodríguez, mencionada con anterioridade.

El Guerrillero.JPG
Chelo.jpg

Chelo Rodríguez.

Portada de El Guerrillero. Foto: Sputnik Labrego.

Os guerrilleiros necesitaban un aprovisionamento armamentístico e na Ciudad de la Selva tivo lugar por tres vías principais: as que xa eran propiedade dos guerrilleiros anteriormente; das incursións e ataques aos cuarteis; e dos contactos co exterior. O feito de que tódolos casquillos das armas estean reutilizados e a aparición dun revólver obsoleto para os anos 40 indicaría este alto grao de reutilización de todo o material bélico dispoñible.

Facer click para ver descrición

Porén, as fontes documentais e orais revelan que a comida non faltaba nos vales de Casaio. A través da completa rede de enlaces que existía na comarca mercaban produtos, recolectaban froitas, cultivaban outros produtos e cazaban animais que habitaban nos montes nos que se asentaban.
A presenza da muller na Ciudad de la Selva está certificada tanto polas fontes documentais, como polas orais. Ademais, Chelo Rodríguez fixo alusión en moitas ocasións á súa vida nestes montes. Un achado moi significativo foi un bote de crema da marca “Nievina”.

A emerxencia da Cidade da Selva respondeu á necesidade da guerrilla antifranquista de profundar na organización da loita armada a partir da fundación da Federación de Guerrillas de León-Galicia en abril de 1942. 

Isto conlevou a un cambio total de estratexia co obxectivo non só de articular aos distintos grupos guerrilleiros que se atopaban dispersos polos montes do noroeste peninsular, senón tamén de xerar unha estabilización e militarización que permitise á Federación enfrontar ás poderosas forzas de represión franquista. Así, o inicio do fin da Ciudad de la Selva sería o ataque perpetrado pola Garda Civil en 1946 durante o Congreso de Reunificación da Federación.

Esta data marcaría tamén o fin da actividade guerrilleira como se coñecía na comarca, xa que os que quedarían serían outros grupos ou persoas dispersas. Valdeorras xa non voltaría a ser o epicentro da loita contra o fascismo no noroeste da Península Ibérica. Fascismo do que aínda quedan moitas cinsas sen apagar.

CIUDAD

CIUDAD DE LA SELVA

bottom of page